Saturday 18 de May de 2024

A alcaldesa recibiu no Concello ao naronés Iago Fuertes, campión do mundo coa selección española de pádel


A alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiu no Concello xunto co edil de Deportes, Ibán Santalla, ao naronés Iago Fuertes, campión do mundo coa selección española de pádel de menores. Fuertes, do club de pádel San Mateo, desprazouse recentemente á cidade de Asunción, en Paraguay, para participar neste evento deportivo, sobre o que conversou coa rexedora local e o edil naronés esta tarde no Concello. “Aún sigo en Paraguay”, recoñecía onte o naronés, que desfruta do éxito acadado mentres se prepara para acudir, a vindeira fin de semana, ao campionato galego de maiores absoluto, que se disputará en Vigo.

Fuertes participou tamén no Open infantil, quedando subcampión co seu compañeiro habitual, Hugo Estebanez. Unha indisposición deste último fixo que a parella non puidese disputar a final sub-14. Campión de Galicia cinco ocasións en diferentes categorías; campión de España por equipos, Campión Máster nacional; subcampión de Europa sub-12 e campión do Grand Slam de Cataluña o pasado ano… formaban xa parte do seu palmarés, ao que hai tan só uns días se sumou o primero posto no campionato do máster nacional celebrado en Bembibre, tamén co seu compañeiro Estévez, imbatibles nos cinco partidos que disputaron. O naronés comezou a adestrar ao pádel con cinco anos e competiu inicialmente en Galicia, posicionándose a día de hoxe na élite deste deporte.

Iago Fuertes, de 13 anos, agradeceu o recoñecemento que lle brindou o Concello o pasado mes de novembro na Gala do Deporte de Narón e tamén a recepción oficial no Consistorio, á que acudiu acompañado dos seus pais. O naronés conversou con Ferreiro e Santalla sobre a súa traxectoria e plans de futuro, vencellados ao mundo do pádel.

A rexedora local felicitou ao deportista naronés polo seu recente título, recoñecendo que “é un orgullo que un rapaz de Narón teña unha traxectoria como a de Iago Fuertes, que destaca no mundo do pádel e na que acumula importantes galardóns aos que suma agora nada menos que un campionato do mundo”. Ferreiro desexoulle novos éxitos na súa carreira deportiva e destacou o feito de que coa súa idade “sexa xa todo un referente no mundo do deporte en xeral e do pádel en particular”.
A alcaldesa entregoulle un agasallo institucional en recoñecemento á súa traxectoria. “É un pracer recibirte hoxe no Concello como campión do mundo e un orgullo para o deporte, o pádel neste caso, e como non para a nosa cidade, que por suposto é a túa”, subliñou Ferreiro.